Skip to Content

Falecemento de regueifeiro Guillermo da Rabadeira

Morte e longa vida.

A morte de calquera persoa é algo que nos debería remover a todos e a todas por dentro. E máis, cando unha das persoa que morre representa unha parte da nosa cultura e tradición. No día de hoxe produciuse o triste pasamento de Guillermo da Rabadeira, un dos poucos regueifeiros en vida que quedaba na comarca de Bergantiños. Non é a nosa intención aquí louvar a vida de Guillermo, senón a de abrir os ollos tanto a persoas como a institucións do traballo que hai por facer no eido da regueifa, xa que, cando deixamos morrer a nosa cultura sen facer nada ao respecto, tamén somos partícipes desa morte. Dous únicos representantes quedan xa nesta comarca bergantiñá, berce de regueifeiros e regueifeiras no século pasado, onde cómpre facer algo para a revitalización desta arte.

E facer algo non significa homenaxes póstumas ou darlle premios, como o Rosalía de Castro recibido no ano 2013 polos regueifeiros de Bergantiños, senón tomar cartas no asunto para que esta tradición non se perda nesta zona de Galicia. Un exemplo próximo ao caso galego, en que se valora esta parte do acervo cultural presente en todas as civilizacións do mundo sería o do Bertsolarismo basco, que introduciu o ensino regrado nas aulas e campeonatos anuais de bertsolaris, moi famosos entre a mocidade. Outro proxecto que debemos ter en conta na comarca bergantiñá sería o exemplo de revitalización desta arte na zona de Vigo e do sur de Pontevedra. A forza coa que a asociación ORAL de Galicia puxa polo anovamento e difusión da regueifa, ou achegas por parte dos servizos de normalización lingüística dos concellos, nomeadamente o de Vigo coa creación do Centro de Interpretación da Oralidade (CIOV) do que xa saíron as primeiras fornadas de regueifeiros e regueifeiras; deberían servir de exemplo para tentar exportar este proxecto á comarca bergantiñá para, deste xeito, tentar implicar a mocidade nesta recuperación. Outros proxectos como a Regueifesta, levada ao cabo entre dous institutos (un de Baio e outro de Vila de Cruces) poden valer como un vieiro a seguir na implementación da arte oral improvisada en verso nas nosas escolas.

Hoxe en día, o que se fai en Galicia, basicamente, son obradoiros soltos nas escolas e centros públicos para estudantes do ciclo de Primaria ou Secundaria. Estes obradoiros soen ser dunha hora ou hora e media; e neles o alumnado aprende, de maneira “express” a historia, técnicas, ritmo... que deberán empregar nas súas improvisacións. É sinxelo comprobar moitas veces nestes obradoiros dun día como o alumnado é tan receptivo desta pola da nosa cultura, o ben que o pasan, o atentos e atentas que están e como son que de realizar as súas primeiras coplas ao rematar a sesión. Tampouco é difícil decatarse que dese alumnado sempre destacan dúas ou tres persoas (repito, en obradoiros dunha hora ou hora e media) ás que se lle dá especialmente ben a arte improvisatoria. Acaso entre este alumnado, se se lle fose implementada a técnica e a práctica, non podería haber futuros regueifeiros ou regueifeiras en potencia?

Dende o noso punto de vista, pensamos que o ensino regrado nas escolas e centros públicos de Galicia da regueifa galega, da súa orixe, as súas clases, técnicas, ritmos etc., podería vencellar moito máis o alumnado coa súa tradición e co seu patrimonio cultural; alén de evitar a futura desaparición ou esquecemento deste legado cultural.

E para rematar, dende aquí quixeramos dar o noso pésame á familia, compañeiros e amigos de Guillermo Da Rabadeira nestes momentos difíciles, agardando que esta arte volva ser o que aínda non hai moito tempo foi. Longa vida á regueifa.