Skip to Content

Regueifesta é Patrimonio! Presentación da Regueifesta 2018 - 2019

22/11/2018 17:00

Este xoves tivo lugar na Biblioteca Anxo Casal, en Santiago de Compostela, a presentación do Proxecto Regueifesta 2018-2019.

Participou o alumnado regueifeiro do Marco do Camballón, de Vila de Cruces, do IES Maximino Romero de Lema, de Baio, as crianzas da Escola Semente e a regueifeira Sara Marchena. Ademais, o grupo de pandereteiras Enxebre, finalistas no concurso de música xuvenil Quero Cantar, presentou o tema "Sempre combativas" que elas mesmas compuxeron.

A Regueifesta ten como obxectivo impulsar a regueifa como forma de socialización entre a xente nova, como instrumento para desenvolver habilidades lingüísticas e como recurso para estimular a creación musical.

Entre os obxetivos da Regueifesta para este ano están as relacións internacionais, como un intercambio con Portugal, ou unha viaxe a Barcelona, para coñecer outras formas de improvisación. Ademais, terá continuación a terceira edición do Encontro de Mulleres Regueifeiras.

Ademais, desenvolverase outra edición de Enreguéifate!, o proxecto para promocionar a regueifa, através de obradoiros e elaboración de vídeos, nos centros de ensino galegos.

Este é o acto de presentación da Regueifesta 2018‐2019 no que se anunciou a programación deste ano que adicará especial atención ao patrimonio inmaterial. A Regueifesta tamén quixo recoñecer neste acto o traballo de escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo Antonio Fraguas Fraguas, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2019.