Skip to Content

Reseña no Faro de Vigo sobre "Repente Galego"

Reseña libro "Repente Galego"

Regueiras, atranques, brindos...

Da improvisación oral de noso
estro montaña 23.02.2017 | 11:35

Regueiras, atranques, brindos...
Regueiras, atranques, brindos...

Ramón Pinheiro Almuinha vén de publicar Repente galego, primeira monografía adicada en Galicia ás implicacións, prácticas, reflexións e protagonistas da improvisación oral galega, e a súa conexión con manifestacións doutros lugares nos que aínda se conservan e practican, como acontece no País Vasco.

A iniciativa foi promovida desde ORAL de Galicia, asociación que traballa pola recuperación, difusión e promoción oral en verso en Galicia. O libro consta dun prólogo do investigador vasco Joxerra Garzia, que pon de manifesto o desexo do autor de acadar a modernidade a partir de modelos propios e non foráneos. As transcricións musicais e a análise musical son obra de Ramón de la Ossa, profesor d´aCentral Foque, institución da que é director o propio Ramón Pinheiro Almuinha.

É preciso subliñar a variedade de xéneros orais galegos e a súa funcionalidade. Regueifas, atranques, brindos, mascaradas, coplas ou desafíos son analizados aquí con profundidade, mesmo a súa música. Estamos diante dunha obra exhaustiva, dun "antídoto contra a vulgaridade que impera na nosa academia", froito de cinco anos de traballo, que analiza o repente como unha arte retórica epidíctica. Tanto as coplas de brindos como as regueifas están formadas por catro versos octosílabos, con rima nos pares, e destacan pola súa rapidez, resistencia, espontaneidade e competitividade.

O autor pon de relevo que a arte do improviso abarca zonas coma a oriental, que vai do Courel a Piedrafita, a montaña luguesa que chega ata León e na que se mantén vivo o brindo, canto moi parecido á regueifa, e que tradicionalmente animaba as vodas. Claro que hoxe só a practican vellos sen xeración de relevo, e ademais está moi pouco estudada. A regueifa, desafío típico da zona occidental, é a manifestación máis coñecida e nos últimos anos acadou un gran pulo, amosando un éxito apreciable en zonas como Bergantiños ou Vigo, malia que tradicionalmente tamén tivo un cultivo grande en terras de Soneira, A Barcala, Santiago ou as Mariñas. Pinheiro di que na zona de Bergantiños, desde mediados do século pasado, o improviso tivo un carácter máis profesionalizado, á marxe das vodas, pois emerxía en espectáculos e celebracións, ao contrario do que sucedía na montaña luguesa, onde xurdía ligada á vida local.

Pinheiro salienta o cultivo destas tradicións en varios países católicos de Europa, e na Península en lugares como Euskadi, Cataluña, as Illas Canarias -ponte con América-, o Alentexo ou Norte de Portugal. Por zonas, a tradición oral improvisadora no Norte da Península é máis medieval, sen acompañamento musical, histriónica e sarcástica. No Sur da Península é máis lenta, emprega a sixtilla e a décima, ten unha configuración máis literaria. Por certo que, no seu traballo, o autor atopou influencias desta arte galega en Brasil, Madeira e os Azores.

O seu estudo da oralidade repentista chega ata ata Jhon Balan, o rock bravú, os Resentidos e Chévere. O humor, a retranca e a poesía da arte da improvisación non son alleos á súa aceptación por parte de varias xeracións de galegos. Ramón Pinheiro explica polo miúdo todas esas cuestión e Repente galego é xa unha obra de referencia para estudar os xéneros orais entre nós.

PINHEIRO ALMUINHA, Ramón, Repente galego, Ed. Deputación de Pontevedra, S/P