Final da Liga de regueifa de carballo
Este sábado 25 de maio disputouse a gran final da Liga de Regueifa que se veu celebrando en bares da vila todo este mes de maio, organizada pola concellaría de Normalización Lingüística que encabeza a edila Ángeles Pacoret. Sobre hora e media estiveron dándolle aos versos, conta a mestra Lupe Blanco, e cun público entregado: «Estaba o local cheo, de diante a atrás». En cada partido da liga había un gañador, que levaba unha rosca, e o deste venres foi Paco Felípez, por máis que no mundo da regueifa emprega o nome de O Relaxado. A el entregoulle o doce a concelleira Pacoret, e para o grande premio, a boneca, quedou o alcalde, Evencio Ferrero. O galardón, para aquela persoa que sumara máis roscas na liga, recaeu no historiador, divulgador e guía Hadrián García.