Skip to Content

A regueifa

Que é a Regueifa e cal é a súa orixe?

A Regueifa é un desafío oral improvisado en verso cunha orixe que, debido ao seu carácter basicamente oral, se perde na noite dos tempos. A súa referencia máis próxima a nós di que durante o banquete das vodas campesiñas era tradición que a parella ou a madriña d@s acabad@s de casar puxese a disposición d@s que non foran convidad@s á celebración un bolo de pan chamado “regueifa”. Ademais, a maneira de ver quen era a persoa á que lle cabía o honor de repartir a regueifa, molete ou biscachón entre @s presentes era retarse dialecticamente entre el@s, en verso, meténdose uns con outros, cos contraentes ou cos familiares destes, para ver quen facía gala do maior enxeño e mordacidade.

 

Como se practica e cales son as súas características?

Co paso do tempo, esta tradición de carácter eminentemente rural e cultivada por xente de moi escasa ou nula formación, basicamente agricultor@s ou gandeir@s, chegou a ser un elemento máis de diversión e de entretemento nas tabernas, ou mesmo como modo de espectáculo nas festas patronais ata que, coa chegada dos modernos medios de comunicación e as modas musicais, entrou en decadencia. Outro factor que axudou á súa desaparición foron as tensións que se producían entre os contendentes nestas batallas dialécticas, acabando en moitas ocasións en leas, disputas e mesmo asasinatos.

Na actualidade, @s regueifeir@s practícana de maneira esporádica cando son convidad@s por algún concello, algunha asociación cultural ou centro escolar para exhibir a súa habilidade en público. A confrontación realízase normalmente por parellas sen que interveña no enfrontamento dialéctico ningunha outra persoa, aínda que é relativamente habitual que cando hai vari@s regueifeir@s ao final participen tod@s nunha roda na que cada quen fai unha copla.Os temas sobre os que se trata habitualmente son: a vida persoal de amb@s (calquera cousa vale), o que acontece na sala, vestimenta ou aspecto do público presente, calquera suceso de interese xeral que se coñeza neses momentos...

 

A mecánica habitual da regueifa é:

Ao comezo de cada actuación é cotián facer un breve saúdo ao público e ás autoridades para axiña entrar no desafío dialéctico no que cada regueifeir@ ataca e @ outr@ á vez deféndese, ata que se acaban despedindo do público e das autoridades; e cando acaba? Pois na actualidade cando se esgota o tempo pactado previamente, pero en épocas anteriores concluía ou ben por inferioridade dialéctica manifesta dunha d@s regueifeir@s ou por esgotamento d@s contendentes (podían estar ata dous días enriba dun escenario).

Os versos constrúense en cuartetas octosilábicas de rima asonante ou consonante, cunha distribución 8- 8a 8- 8a, (aínda que tamén poden ser abab) e a capela, é dicir, sen acompañamento musical de ningún tipo.

As claves da regueifa son a súa rapidez e espontaneidade (carece de interludios musicais e de pausas entre os versos), e sobre todo o enxeño, porque é o que fai que o público se entusiasme coa capacidade d@s repentistas para saíren airos@s dos envites máis agudos en décimas de segundo e de forma totalmente improvisada, como se fosen prestidixitador@s da lingua.

A regueifa como controversia ten dúas modalidades:

- Cantada: que é como se fai normalmente e
- Rezada: que se practica a modo de conversación apoiada por unha compoñente xestual importante.

Á parte da regueifa, no Courel e nos Ancares existe outra manifestación semellante denominada “brindo ou loia” que se diferencia da anterior en que se utiliza un tipo de linguaxe máis lírica. Practicouse en vodas e bautizos como unha louvanza a familiares, contraentes ou ao acontecemento en si; mais tamén se podía realizar a modo de controversia entre brindadores da fóra e da dentro, onde se realizaban peticións de tabaco e doces. Tamén noutras ocasións, coma nos carretos, matanzas ou calquera angueira comunal agraria eran habituais os brindos ou loias. Na actualidade coñécense moi poucas persoas practicantes vivas desta arte poética, entre as que destaca, por riba de todas, o “Ribeira de Louzarela”, cantador de 93 anos natural de Pedrafita do Cebreiro.

Existían modalidades similares ás descritas anteriormente baixo outras denominacións (enchoiada, desafío, parrafeo...), noutros puntos de Galicia. Tamén é moi posible que todos os tipos de cantigas populares (cantos de reis, coplas de entroido, maios, ...) que chegaron hoxe en día ata nós, teñan unha raíz improvisada.

Voltar arriba