Skip to Content

Obradoiros

Obradoiros de improvisación oral en verso

O mellor xeito de facerse regueifeir@ é presenciar unha boa actuación ou certame de regueifas e logo apuntarse a un obradorio dos que se levan organizado en distintas cidades e vilas do noso país. Vexamos o que podemos facer neles.

O contido está dividido en tres bloques diferenciados nos que se abordan dun xeito teórico – práctico diversos conceptos. Estes conceptos están organizados do seguinte xeito:

1º Bloque: Introdución á poesía oral improvisada de carácter popular

Perspectiva teórica:

- Explícase a evolución que seguiu a Poesía Oral Improvisada ata o día de hoxe.

- Enmárcase a Regueifa dentro do resto de manifestacións similares que existen tanto na Península, como en Latinoamérica e no resto do mundo.

- Introdúcense os principais compoñentes da poesía: a linguaxe (lírica/enxeñosa), o ritmo, os distintos tipos de poesías, as estrofas e a métrica, o verso, a rima, a tonada, os recursos literarios, a controversia,...

Perspectiva práctica:

- Póñense exemplos das manifestacións máis arcaicas dos desafíos poéticos e da súa evolución ata hoxe (o rap).

- Constrúense outro tipo de versos distintos das tradicionais cuartetas galegas que son usados noutras latitudes: quintillas, décimas, etc.

- Cos exemplos anteriores e outros que vaian xurdindo farase fincapé nas compoñentes do fenómeno poético anteriormente expresadas.

2º bloque: A Regueifa.

Perspectiva teórica:

- Modalidades de improvisación oral en Galicia:

- A regueifa (variedades): Rezada e Cantada.

- O Brindo.

- A súa rotación/conexión con outro tipo de construccións en verso de temática diversa que no seu día puideran ter raíces improvisadas, pero que co paso do tempo a perderon.

- Os recursos e a técnica dos desafíos orais improvisados en verso de carácter popular e baseados no enxeño (a memoria, o enxeño, a rima, o tempo, a improvisación, a entoación, a concentración, o público, as coletillas, a linguaxe, o acompañamento musical, a temática, ...)

Perspectiva práctica:

- Construción de exemplos de Regueifas cantadas e Brindos sobre os que se irán explicando os recursos e mecanismos técnicos empregados na súa execución.

- Poranse exemplos de outro tipo de coplas populares como poden ser:

- Xaneiras ou cantares de Reis.

- Coplas de entroido, atranques,...

- Maios

- As asociadas a labores agrícolas (esfolladas, sega, malladas, vendima,...)

- Outras empregadas nas cantigas de tradición oral e carácter popular (as regueifas e cornetadas).

3º bloque: exercicios de improvisación e enxeño de ida e volta.

Perspectiva teórica:

- Os regueifeiros sométense a distintos exercicios de habilidade que lle establezan os participantes.

- Os participantes sométense a exercicios lingüísticos orientados cara á construcción poética que se intenta que culmine nun intercambio de coplas improvisadas en verso.

Perspectiva práctica:

- Os regueifeiros fan exercicios de habilidade e enxeño tales como:

- Construír unha copla que rematara no verso que queiran os participantes (pé forzado).

- Puzzle de palabras (teñen que meter dentro da estrofa pactada un nº de palabras predeterminado facilitadas polo público).

- Regueifar sobre unha temática dada ou pórse nunha situación dada polos participantes (desempeñar un rol).

- Propóñense aos participantes distintos xogos como:

- A asociación de palabras.

- A construción dun verso.

- A realización dun pareado.

- A realización dunha cuarteta/copla.

- Establecer unha controversia / realizar unha regueifa.

- Fin de sesión conxunto entre Regueifeiros e participantes.

Prezy sobre a tradición oral da regueifa:

Deixamos tamén por aquí unha presentación prezy dunha Unidade Didáctica sobre a tradición oral da regueifa (4ºESO):

Voltar arriba