Gala de entrega de premios Enreguéifate 2024
O mércores, 3 de abril, ás 11:00 horas, dará comezo no Teatro Principal de Santiago de Compostela a Gala Enreguéifate 2024. Trátase dun acto no que se entregarán os premios Enreguéifate, o certame de regueifas impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo e que pon o broche de ouro á súa sexta edición. Este ano presentáronse un total de 56 regueifas, e doce delas recollerán o seu galardón nesta gala.
Este acto, que será accesible en lingua de signos, estará conducido polo mestre e músico Manolo Maseda, o mestre e escritor Séchu Sende, e as formadoras do Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces. Tamén haberá música en directo da man da Orquestra da Regueifa, formada por alumnado do IES do Milladoiro de Ames e o IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.
Así mesmo, na gala participarán, ademais das persoas premiadas, alumnado de varios centros escolares galegos, técnicas dos servizos de normalización lingüística e unha representación política dos concellos impulsores da iniciativa. O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, tamén asistirá ao acto.
Vídeos gañadores
Estas son os vídeos gañadores, que poden verse na web do certame ou na canle de Youtube:
Categoría xeral:
A máis brava: ARRIEIRO E CHAMINHO “Cumbia do choque”.
A máis aguda: ESCOLA DE REGUEIFA DE CARBALLO “Vai de voda”.
A máis diversa: TEISEIROS REGUEIFEIROS “Regueifa pola saúde mental”.
A máis reivindicativa: IVÁN E AROA “Regueifa de coidar a terriña”.
A mellor cantada: GRUPO XUVENIL DA TERCEIRA IDADE DE POIO “Sempre vida”.
A mellor falada: AS DA MUIÑEIRA “Os deberes”.
Categoría escolar:
A máis brava: OS MÁIS BRAVOS “Queremos moito ás nosas profes”. Alumnado do CEIP de Bormoio-Agualada (Coristanco).
A máis aguda: REGUEIFEIRXS DA CHÁ “Regueifando apréndese mellor”. Alumnado do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba).
A máis diversa: 2o B QUIROGA PALACIOS “O noso Entroido”. Alumnado do CEIP Pluringüe Cardeal Quiroga Palacios (Santiago de Compostela).
A máis reivindicativa: 6o E.P. CEIPP SANTA MARÍA DO CASTRO “O granulado non é pasado”. Alumnado do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro, Cabo de Cruz (Boiro).
A mellor cantada: REGUEIFEIRAS DO CAMBALLÓN “A nosa música na nosa voz”. Alumnado do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces).
A mellor falada: REGUEIFEIROS DE RAZO “Regueifa en Razo”. Alumnado do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo).
Ademais, o xurado acordou ademais conceder un accésit á Regueifa máis inclusiva a NOA E MARTÍN polo vídeo “Todo isto son mentiras” (IES Antonio Fraguas, Santiago de Compostela).
56 vídeos presentados
Esta cerimonia de entrega de premios será o broche final dunha edición na que se recibiron un total de 56 vídeos chegados das catro provincias galegas (Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilalba, A Coruña, Viana do Bolo, Melide, Vila de Cruces ou Dodro, entre outros municipios).