Skip to Content

Dende a Asociación ORAL da Galiza creamos este sitio coa intención de abrir unha ventá, a través da internet, a todas aquelas persoas interesadas e con inquedanza nesta vertente da improvisación oral rimada.

A regueifa é a manifestación máis estendida no noso país da secular arte popular da improvisación oral en verso da que se atopan referencias dende a Antiga Grecia e Roma, pasando polas cantigas de escarnio e maldicir da Idade Media ata os nosos días.

Pero non só falaremos da súa orixe, da súa técnica, de como aprendela e practicala ou simplemente gozala, senón tamén doutras manifestacións tan antigas como a mesma regueifa, ou mesmo tan modernas coma o Hip-Hop e de como se poden relacionar.

Ademais será a ágora onde falar destas disciplinas e de lugar de contacto entre @s regueifeir@s e o seu público.Tentarase, asemade, que sirva para estar ao cabo da actividade da regueifa e da asociación para que todos e todas saiban onde e cando acudir a unha porfía, a un obradoiro ou un xantar regueifeiro.

Tamén serve para abrir un espazo no que se poida regueifar en liña en tempo real, ver actuacións e escoitar regueifas dende calquera parte do mundo.

Por último, pero non menos importante, esta web ten o obxectivo de achegar e recompilar información e documentación para ir enchendo o oco que hai no tocante ao estudo formal e profundo que a regueifa e o resto de formas de improvisación oral merecen dentro do marco da nosa Cultura Popular e Tradicional.

Para abrir boca vexamos un documentario editado pola ORAL no ano 2009, onde o presidente Carlos Alonso fai un repaso polas orixes da Asociación, os proxectos que tiñan entre mans por aquelas datas e os futuros. No vídeo podemos ver imaxes dos primeiros anos (ano 98), con improvisadores xa finados como Costa de Xaviña ou Calviño de Tallo. Tamén combina outras imaxes de outras actuacións de principios de século XXI onde podemos ver aos novísimos Pinto d´Herbón ou Josinho da Teixeira e mesmo a un case irrecoñecible Alexis Díaz Pimienta, repentista cubano. Gozade do vídeo, paga a pena.