Skip to Content

Actividades

Certame Internacional de Regueifas

Dende a súa fundación a ORAL vén colaborando na organización do Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso que organiza o Centro Veciñal e Cultural de Valadares, unha das institucións impulsoras da súa creación. Lévanse desenvolvido 21 edicións ao longo de 23 anos de historia do mesmo, e por el teñen pasado regueifeir@s, troveros, repentistas cubanos, payador@s arxentinos, decimistas canarios, rapeir@s, poetas ou actores e actrices de teatro improvisado. Centos de persoas de todas as idades e condicións que nos amosaron o seu bo facer, enxeño, axilidade mental e capacidade de improvisación nos seus diversos campos.

Ao longo deste tempo ten mudado o nome de Certame Nacional a Internacional de Regueifas, chegando ao actual Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso. Foi este Certame dende os seus inicios unha plataforma dende a que amosar ao público a realidade da situación das regueifas e doutras manifestacións orais en verso que estaban a desaparecer sen remedio. Grazas á súa repercusión a nivel nacional e mesmo internacional a través dos medios de comunicación, chegouse a moitas persoas e institucións que, dende entón, levan achegando medios e implicándose paseniñamente no rexurdimento desta tradición oral.

Sen dúbida unha das maiores satisfaccións é a celebración de dez edicións do Certame Escolar de Regueifas, que conseguiu mobilizar a máis de 1.000 rapaces e rapazas de diferentes institutos do Baixo Miño e da comarca de Vigo para participar e regueifar.

Obradoiros de improvisación en verso para mocidade urbana

A improvisación oral en verso é unha tradición de carácter popular moi estendida no seu día, pero hoxe en vías de extinción, de feito só se conserva na bisbarra de Bergantiños e na do Courel (con algunhas diferenzas e co nome de brindo).

Estes obradoiros de entre hora e media e dúas de duración, traballan dun xeito lúdico a expresión oral con técnicas didácticas tradicionais pero con achegas do rap e do teatro improvisado que enriquecen o resultado poético final. É por isto que estes obradoiros participativos son unha ferramenta inmellorable para que, sobre todo a rapazada de secundaria, se achegue dun xeito distendido á cultura galega porque:

- Fomentan o uso da lingua galega en ámbitos habitualmente frecuentados pola mocidade.

- Incorporan a produción cultural galega aos espazos de lecer e impulsan a aparición do galego nos xéneros e nas estéticas que hoxe teñen éxito entre a mocidade

A orixinalidade destes obradoiros vén dada polo xeito lúdico de achegarse a cultura popular galega e de involucrar @s asistentes aos obradoiros na práctica da lingua, dun xeito ameno e promovendo a interrelación entre tod@s.

Ademais, é innegable a contribución ao combate de prexuízos e ao fomento de actitudes positivas cara ao uso da lingua galega, a lealdade e a autoestima lingüística.

Estas actividades axudan primeiro a ter ocasión de falar en galego nun ambiente distendido, cousa que a rapazada non soe facer. Na medida en que o falan van collendo máis confianza e seguridade no seu manexo; pasos necesarios para falar un idioma no que xa se sintan competentes para se expresaren.

“As regueifas" - Obradoiros de Tradición Oral en O Segrel do Penedo. Bieito Lobariñas e Josinho da Teixeira

Orixe das regueifas

Estrutura e ritmo da regueifa con Benito Lobariñas

Exemplos de regueifas creadas polo profesorado e o alumnado durante o obradoiro levado a cabo en "O Segrel do Penedo" a biblioteca do IES de Fene.

Espectáculos de regueifa

A Regueifa é un desafío oral improvisado en verso de carácter popular que se practica na comarca coruñesa de Bergantiños e que tamén se practicou noutras partes de Galicia baixo outras denominacións (brindo, loia, desafío), xa en desuso e que está en serio risco de desaparición.Debido a esta situación é polo que nos parece prioritario a súa difusión por toda Galicia co fin de dala a coñecer e así poder animar a outra xente a que a practique. Neste caso do que se trata é de realizar unha xira por comarcas de Galicia que sirva á vez para pulsar a vixencia de manifestacións similares e atraer cara á regueifa a posibles practicantes.

Obxectivos:
a) Ofrecer un espectáculo ameno, orixinal, singular e irrepetible ao público que acuda.
b) Dar a coñecer ao público en xeral esta manifestación artística tan propia do noso país e á vez tan universal.
c) Animar os espectadores a achegárense á práctica da improvisación oral en verso.

Participantes:
A nosa idea é a de que en cada espectáculo participen polo menos dúas persoas de entre @s regueifeir@s en activo. Procúrase que as persoas que participen garantan o nivel de espectáculo que nos marcamos e os criterios que se atenderán na súa selección serán:
1. Procurarase a rotación entre tod@s.
2. A dispoñibilidade de cada persoa.
3. O lugar de celebración da sesión e o horario da mesma.
4. Procurariamos darlle cabida tamén a algunha persoa que participase nos distintos obradoiros de regueifa programados polos centros educativos ou polo CIOV nestes anos.

Perfil d@s destinatari@s deste espectáculo:
- Este espectáculo está pensado para todo tipo de públicos aínda que vai orientado principalmente a persoas adultas (maiores de idade) residentes tanto no contorno urbano coma rural.
- O nº de espectador@s que poden acudir ao espectáculo é indiferente, iso si, hai que ter en conta que a sesión non está pensada para grandes públicos, senón mais ben para auditorios de tipo medio ou reducido, xa que a proximidade co público é un factor positivo.
Duración: a duración do evento sería de entre 60 e 90 minutos.

Voltar arriba