Liñas de traballo
1º- Recompilar información sobre as distintas manifestacións orais en verso improvisado que se practican ou practicaron en Galicia.
2º- Recuperar practicantes de regueifa ou brindo, sobre todo nas comarcas de Bergantiños e do Courel, que son os últimos lugares nos que aínda se practican estas artes ou se practicaron ata hai ben pouco.
3º- Achegar a novos valores a improvisación oral en verso, xa sexan procedentes do rap, da poesía, do teatro ou doutras manifestacións populares tales como: coplistas do entroido, dos maios, da canción popular...
4º- Difundir a existencia destas manifestacións artísticas de carácter popular entre todo tipo de institucións culturais e educativas (Universidades, Consello da Cultura Galega, ILGA...) e a Administración Pública (Direción Xeral de Promoción e Difusión Cultural, Direción Xeral de Política Lingüística...).
5º- Realizar un plan estratéxico de recuperación, difusión e normalización da poesía oral improvisada en verso a nivel galego.
6º- Manter contactos con organizacións semellantes da Península e Hispanoamérica.
7º- Utilizar a regueifa e o brindo como medios de achegamento e de aprendizaxe da poesía por parte do alumnado da ESO (tamén primaria ou educación para adultos).
8º- Dar unha imaxe da improvisación en verso como algo vixente hoxe en día e que pode convivir coa contemporaneidade (nas "batallas de galos/galiñas" do rap hai “improvisación poética” e as novas tecnoloxias son perfectamente compatibles con ela, xa que, tanto a telefonía móbil como Internet, son medios a través dos cales é factible a aprendizaxe e a práctica do “repente”).
9º- Amosarlle ao público en xeral que a improvisación oral en verso é unha disciplina artística que, coas súas variantes locais, se practica case que en todo o mundo.
10º- Acadar a conxunción de esforzos entre institucións educativas, culturais e políticas, os medios de comunicación e a sociedade civil interesada para poder achegar o público a esta arte e poder conseguir unha maior repercusión social e unha completa revitalización, como aconteceu co bertsolarismo en Euskal Herría ou o canto ao desafío en Portugal.