Regueifeir@s en activo
Suso de Xornes
É coñecido como Suso de Xornes, pero chámase Jesús Lema García. Naceu no 1959 e iniciouse nesta arte ao cumprir a maioría de idade, aproximadamente. «Comecei con meu tío, con Mandián, e tamén con Calviño e Celestino». O segredo, para el, está na improvisación, «algo que xa nace contigo» e na práctica. «Non somos bechos raros: estou seguro de que hai moita xente que o podería facer, só hai que atreverse»'.
Antonio de Xornes
Antonio Rodríguez Carabel coñécese, no ámbito da regueifa, como Antonio de Xornes. Naceu nesta localidade de Coristanco, pero hoxe reside en Carballo. Naceu no 1962 e dedícase a este arte do cantar retranqueiro desde os 17. «O meu foi todo aprendido», como di el, xa que non tivo a ningúen na súa familia que o fixera. «Sáeme de dentro», explica. Como todos os seus compañeiros, sinala os beneficios indubidables dunha escola obradoiro: «Aos nenos hai que motivalos para que empecen, pero sobre todo a regueifa hai que valorala máis do que se está facendo».
Pinto de Herbón
Lanzouse a través de Sitio Distinto co tema Nitramón, 15, 15, 15, que foi rapidamente convertido en semente do que se deu en chamar agro-rap galego. Pinto é autor doutros temas tamén populares como Paviméntame; ou A motoserra editados en diferentes cd’s compilatorios, aínda que se define a si mesmo como regueifeiro, traballa basicamente co desafío, acompañado dende o ano 1997 por Luís “O Caruncho”.
Luis "O Caruncho"
Músico de devanceiros gaiteiros, el mesmo é gaiteiro, zanfonista, cantante e incluso aprendiz de actor. Sen dúbida todas estas dotes artísticas fan del un dos máis requeridos traballadores da música en Galiza. Son estas mesmas capacidades as que o acreditan dende que debutou como improvisador en verso en Valadares como un dos máis prometedores Regueifeiros do País, xa que o seu enxeño e sentido do ritmo fan que sempre teña a man unha resposta axeitada para calquera copla que lle boten. Caracterízase asemade por tratar de introducir novos ritmos e probar con distintos acompañamentos no tradicional xeito de improvisar “a pelo” galego.
Bieito Lobariñas
Compoñente do grupo Zurrumalla, tamén é Gaiteiro e tivo unha faceta artística menos coñecida como letrista da comparsa de Entroido “Os da Taza” do Morrazo. É desta vea lirico-humorista de onde procede a súa querenza polas coplas histriónicas e a súa bagaxe para pasarse ao verso improvisado, do que xa é un cultivador experimentado. Con Luis “O Caruncho” soe formar unha parella que é bastante requerida como presentadores de espectáculos, con grande éxito entre a concorrencia. Enriba do escenario non soe achicarse ante ningúen e sempre busca unha saída airosa das coplas do contrincante.
Josinho da Teixeira
Músico polivalente da comarca do Viso (Redondela), é percusionista e cantante no grupo Tanto Nos Ten (Música tradicional furtiva). No eido da regueifa entrou de rebote porque como di el “eu xa improvisaba coplas sen saber o que era a regueifa”. Docente tamén de moitos obradoiros de regueifa polos centros de ensino do país, é un dos regueifeiros máis recoñecidos hoxe en día na Galiza e ten como características máis subliñábeis a rapidez e o enxeño na produción, unha maior teatralización cós mestres bergantiñáns e un humor acedo e retranqueiro.
As Garotas da Ribeira
As Garotas de Ribeira son Sofía Tarela, do Porto do Son e Paola Beiro, de Carnota. Coñecéronse en Barcelona onde comezaron a facer rap en galego, bebendo da tradición da regueifa e cunha visión afouta, transgresora e feminista do mundo. A súa primeira aparición como regueifeiras foi aló polo ano 2000 no programa Luar, onde se farían habituais a partir do 2004, mais xa na súa faceta como "As Garotas".
Xurxo Souto
Xurxo Souto, nado na Coruña o 25 de xullo de 1966, é un cantante, acordeonista, escritor, locutor e licenciado en filoloxía clásica. Alén das súas facetas como músico (Diplomáticos de MonteAlto, Os tres trebóns...), é recoñecida a súa labor como recolledor e recuperador de música tradicional e cantos senlleiros coma a regueifa. E non só, pois ten demostrado as súas dotes como improvisador en numerosas ocasións. A súa primeira aparición en Valadares foi no IV Certame, acompañando a Luís O Caruncho, nunha controversia histórica. Ten presentado moitos eventos regueifeiros e neste 2018 víuselle regueifar coa bergantiñá Lupe Blanco, na presentación do doumental Sitio Distinto (maio 2018).
Últimas incorporacións
Xairo d'Herbón
Novo valor da regueifa galega e fillo do xa mítico Pinto d´Herbón. Estudante aínda de Secundaria, deu os seus primeiros pasos nisto da regueifa por volta do 2014, no Certame de Regueifas de Valadares, onde deixou canda ao seu pai a primeira controversia pai/fillo na historia do Certame. No 2017, volveu ao escenario de Valadares, no último Certame Internacional celebrado en decembro.
Alba María
Promesa da nova xeración de cantoras galegas, é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (2017). Cun disco publicado (Aínda. aCentral Folque, 2014), estudou música no CMUS de Vigo e participou en diversos certames de poesía e improvisación, acabando por ser unha destacada poeta e regueifeira. Alba María, alén de realizar actuacións e ofrecer obradoiros, vaise asentando no eido da improvisación, introducindo novos temas como o discurso de xénero na arte da regueifa. Recentemente vén de publicar un monográfico sobre o canto improvisado na comarca de Bergantiños: "Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo" (2017)
Kike Estévez
Profesor de lingua, comezou neste mundo no 2014 a partir dun Curso de Regueifa organizado polo CIOV do Concello de Vigo. Co tempo foise asentando no eido do improviso, realizando actuacións e impartindo obradoiros de regueifa en centros culturais e escolares do país. Tamén foi o ideólogo e presentador do programa de radio sobre regueifa "A punta da navalla", emitido en Radio Valadares durante ano e medio (2016-2018) e recentemente vén de publicar un monográfico sobre o canto improvisado na montaña luguesa: "O Ribeira de Louzarela, brindador da dentro" (2019).
Lupe Blanco
Unha das últimas incorporacións ao mundo da regueifa é a coristanquesa Lupe Blanco. Bisneta do gran regueifeiro do século pasado, o gran Blanco de Muiñoseco, tamén é pandeireteira e ten unha tonada moi característica ao vello xeito bergantiñán. Nos últimos anos, alén de numerosas actuacións e obradoiros, participou nos certames internacionais de regueifa celebrados en Valadares. Ademais, administra a páxina de Facebook "Regueifando pola vida" e ten un pequeno espazo semanal no xornal La voz de Galicia (edición Carballo), onde publica as súas coplas retranqueiras relacionadas con temas de actualidade.
Mani Braga
Nacido no barrio de Coia de Vigo, é unha das últimas incorporacións ao mundo da regueifa e tamén comezou neste mundo a partir dun Curso de Regueifa organizado polo Centro de Interpretación da Oralidade do Concello de Vigo (CIOV). No 2017, alén de outras actuacións e obradoiros, participou no escenario do Auditorio de Cangas, na Gala do Patrimonio da Deputación, facendo parella coa cantadora portuguesa Naty Cantadeira. En 2018 contiuou a facer actuacións entre as que destaca a realizada no Centro Galego de San Sebastián (maio 2018).
Novas Regueifeiras
Dos diferentes cursos realizados nos últimos anos veñen pegando forte moitas mulleres afoutas que se botaron con isto da regueifa. Moitas delas sairon dos obradoiros impartidos pola Asociación Oral nos institutos da comarca de Vigo, dos cursos realizados no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV), de Obradoiros como o realizado na Escola de Idiomas de Vigo (2016) ou dos realizados na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo (2017). Cabe destacar entre elas a Sara Marchena, Esther das Luras, Lara do Ar, Yolanda das Cereixas, Sil Vinha ou Blanca Trigo. Tamén as cidades de Pontevedra e Compostela están a ser outro foco de divulgación da regueifa grazas, entre outras cousas, á onda expansiva do proxecto Regueifesta, de onde se sumaron outras como Aurora Redondo ou Olaia Liñares; ou mesmo as novísimas Joana Santos Vilela e Estrela do Courel, crianzas do Club de Regueifa da Escola Semente da vila compostelá.
Proxecto Regueifesta
O Proxecto Regueifesta é un proxecto educativo que botou a andar no curso 2015/2016, polo interese e traballo de dous docentes nas localidades de Vila de Cruces e Baio. Eles son Séchu Sende e Manolo Maseda, que levan xa uns aniños sacando nov@s futur@s practicantes desta arte. Entre elas están as novísimas Nuria das Cruces, Noa do Capón ou Lorena Medela.