Skip to Content

Actividades

Certame Internacional de Regueifas

Dende a súa fundación a ORAL vén colaborando na organización do Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso que organiza o Centro Veciñal e Cultural de Valadares, unha das organizacións impulsoras da súa creación. Lévanse desenvolvido 20 edicións ao longo de 22 anos de historia do mesmo, e por el teñen pasado regueifeir@s, troveros, repentistas cubanos, payador@s arxentinos, decimistas canarios, rapeir@s, poetas e actores e actrices de teatro improvisado. Centos de persoas de todas as idades e condicións que nos amosaron o seu bo facer, enxeño, axilidade mental e capacidade de improvisación nos seus diversos campos.

Ao longo deste tempo ten mudado o nome de Certame Internacional a Nacional de Regueifas, chegando ao actual Certame Internacional de Improvisación Oral. Foi este Certame dende os seus inicios unha plataforma dende a que amosar ao público a realidade da situación das regueifas e doutras manifestacións orais en verso que estaban a desaparecer sen remedio. Grazas á súa repercusión a nivel nacional e mesmo internacional, a través dos medios de comunicación, chegouse a moitas persoas e institucións que dende entón levan achegando medios e implicándose pouco a pouco no rexurdimento desta tradición oral.

Sen dúbida unha das maiores satisfaccións é a celebración de dez edicións do Certame Escolar de Regueifas, que conseguiu mobilizar a máis de 1.000 rapaces e rapazas de diversos institutos do Baixo Miño e da comarca de Vigo para participar e regueifar.

Obradoiros de improvisación en verso para mocidade urbana

A improvisación oral en verso é unha tradición de carácter popular moi extendida no seu día, pero hoxe en vías de extinción, de feito só se conserva na bisbarra de Bergantiños e na do Caurel (con algunhas diferenzas e co nome de Brindo).

Estes obradoiros de entre hora e media e dúas de duración, traballan dun xeito lúdico a expresión oral con técnicas didácticas tradicionais pero con achegas do rap e do teatro improvisado que enriquecen o resultado poético final. É por isto que estes obradoiros participativos son unha ferramenta inmellorable para que sobre toda a rapazada de secundaria se achegue dun xeito distendido á cultura galega porque:

- Fomentan o uso da lingua galega en ámbitos habitualmente frecuentados pola mocidade.

- Incorporan a produción cultural galega aos espazos de lecer e impulsan a aparición do galego nos xéneros e nas estéticas que hoxe teñen éxito entre a mocidade

A orixinalidade destes obradoiros vén dada polo xeito lúdico de achegarse a cultura popular galega e de involucrar @s asistentes dos obradoiros na práctica da lingua, dun xeito distendido e promovendo a interrelación entre tod@s.

Ademais, é innegable a contribución ao combate de prexuizos e ao fomento de actitudes positivas cara ao uso da lingua galega, a lealdade e a autoestima lingüística.

Estas actividades axudan primeiro a ter ocasión de falar nun ambiente distendido en galego, cousa que a rapazada non soe facer. Na medida en que o falan van collendo máis confianza e seguridade no seu manexo e estes son uns pasos necesarios para falar un idioma no que xa se sintan competentes para expresarse.

“As regueifas" - Obradoiros de Tradición Oral en O Segrel do Penedo. Benito Lobariñas e Josinho da Teixeira

Orixe das regueifas

Estrutura e ritmo da regueifa con Benito Lobariñas

Exemplos de regueifas creadas polo profesorado e o alumnado durante o obradoiro levado a cabo en "O Segrel do Penedo" a biblioteca do IES de Fene.

A Regueifa é un desafío oral improvisado en verso de carácter popular que se practica na comarca coruñesa de Bergantiños e que tamén se practicou noutras partes de Galicia baixo outras denominacións (brindo, loia, desafío), xa en desuso e que está en serio risco de desaparición.Debido a esta situación é polo que nos parece prioritario a súa difusión por toda Galicia co fin de dala a coñecer e así poder animar a outra xente a que a practique. Neste caso do que se trata é de realizar unha xira por comarcas de Galicia que sirva á vez para pulsar a vixencia de manifestacións similares e atraer cara á Regueifa a posibles practicantes.

Obxectivos:
a) Ofrecer un espectáculo ameno, orixinal, singular e irrepetible ao público que acuda.
b) Dar a coñecer ao público en xeral esta manifestación artística tan propia do País e á vez tan Universal.
c) Animar os espectadores a achegarse á práctica da improvisación oral.

Participantes:
A nosa idea é a de que en cada espectáculo participen polo menos dúas persoas de entre @s Regueifeir@s en activo. Procúrase que as persoas que participen garantan o nivel de espectáculo que nos marcamos e os criterios que se atenderan na súa selección serán:
1. Procurarase a rotación entre tod@s.
2. A dispoñibilidade de cada persoa.
3. O lugar de celebración da sesión e o horario da mesma.
Procurariamos darlle cabida tamén a algunha persoa que participase nos distintos obradoiros de Regueifa programados polos Institutos ou polo CIOV nestes anos. Perfil dos destinatarios deste espectáculo:
Este espectáculo está pensado para todo tipo de públicos aínda que vai orientado principalmente a persoas adultas (maiores de idade) residentes tanto no entorno urbano como rural.
O nº de espectadores que poden acudir ao espectáculo é indiferente, iso si, hai que ter en conta que a sesión non está pensada para grandes públicos, senón mais ben para auditorios de tipo medio ou reducido, xa que a proximidade ao público é un factor positivo.
Duración: a duración do espectáculo sería de entre 60 e 90 minutos.

Voltar arriba