Skip to Content

Fichas persoais

Brindeir@s en activo

Ribeira de Louzarela, Antonio Rio

Falar do Ribeira no Caurel nas terras do Cebreiro é falar dun dos mellores brindeiros que pasou por esas terras. Percorreu boa parte das aldeas e lugares da Serra animando festas, vodas e calquera actividade que o seu bo humor se prestara. A súa facilidade para improvisar rimas cantadas levárono a ser partícipe no vello costume de brindar aos noivos antes, durante, e despois do casamento se a cousa se prestaba; unha tradición que estivo moi arraigada na vida e xentes da montaña luguesa. Hoxe, aos seus 92 anos (2018), podemos dicir que o Ribeira é un dos últimos brindeiros da montaña.

Foto de Oral de Galicia.

Angelita do Baño

Ángela Aira Crespo, Angelita do Baño, naceu en 1936 e aprendeu a improvisar coa sua nai, Esperanza Crespo, que foi, xunto á Cubana, unha das mellores brindeiras do século XX. Ángela brindou moito polas vodas courelás dende os 15 anos, naquelas celebracións que se prolongaban dende a noite á chegada do día. Unha das súas últimas aparicións foi na homenaxe que lle deron no ano 2008.

Foto de Oral de Galicia.

Adamo e Amable de Nullán (As Nogais)

Regueifeir@s en activo

Suso de Xornes

É coñecido como Suso de Xornes, pero chámase Jesús Lema García. Naceu no 1959 e iniciuose nesta arte ao cumprir a maioría de idade, aproximadamente. «Comecei con meu tío, con Mandián, e tamén con Calviño e Celestino». O segredo, para el, está na improvisación, «algo que xa nace contigo» e na práctica. «Non somos bechos raros: estou seguro de que hai moita xente que o podería facer, só hai que atreverse»'.

Antonio de Xornes

Antonio Rodríguez Carabel coñécese, no ámbito da regueifa, como Antonio de Xornes. Naceu nesta localidade de Coristanco, pero hoxe reside en Carballo. Naceu no 1962 e dedícase a este arte do cantar retranqueiro desde os 17. «O meu foi todo aprendido», como di el, xa que non tivo a ningúen na súa familia que o fixera. «Sáeme de dentro», explica. Como todos os seus compañeiros, recoñece que é unha pena que «non se estea facendo nada» e sinala os beneficios indubidables dunha escola obradoiro: «Aos nenos hai que motivalos para que empecen, pero sobre todo a regueifa hai que valorala máis do que se está facendo».

Pinto de Herbón

Lanzouse a través de Sitio Distinto co tema Nitramón, 15, 15, 15, que foi rapidamente convertido en semente do que se deu en chamar agro-rap galego. Pinto é autor doutros temas tamén populares como Paviméntame; ou A motoserra editados en diferentes cd’s compilatorios, anque se define a si mesmo como regueifeiro, traballa basicamente co desafío, acompañado dende o ano 1997 por Luís “O Caruncho”.

Luis "O Caruncho"

Músico de devanceiros gaiteiros, el mesmo é gaiteiro, zanfonista, cantante e incluso aprendiz de actor. Sen dúbida todas estas dotes artísticas fan del un dos máis requeridos traballadores da música en Galiza. Son estas mesmas capacidades as que o acreditan dende que debutou como improvisador en verso en Valadares – Vigo como un dos máis prometedores Regueifeiros – Brindeiros do País, xa que o seu enxeño e sentido do ritmo fan que sempre teña a man unha resposta axeitada para calquera copla que lle boten por moi envelenada que esta sexa. Caracterízase asemade por tratar de introducir novos ritmos e probar con distintos acompañamentos no tradicional xeito de improvisar “a pelo” galego.

Bieito Lobariñas

Compoñente do grupo Zurrumalla, tamén é Gaiteiro, ao igual que Luis, e tivo unha faceta artística menos coñecida como letrista da comparsa de Antroido “Os da Taza” do Morrazo. É desta vea lirico-humorista de onde procede a súa querenza polas coplas histriónicas e a súa bagaxe para pasarse ao verso improvisado, do que xa é un cultivador experimentado, pese a que leva relativamente pouco tempo practicando. Con Luis “O Caruncho” soe formar unha parella que é bastante requerida como presentadores de espectáculos, con grande éxito entre a concorrencia. Enriba do escenario non soe achicarse ante ningúen e sempre busca unha saída airosa das coplas do contrincante aínda que en ocasións teña que estirar a métrica para forzar a rima.

Josinho da Teixeira

Músico polivalente da comarca do Viso (Redondela), é percusionista e cantante no grupo Tanto Nos Ten (Música tradicional furtiva). No eido da regueifa entrou de rebote porque como di el “eu xa improvisaba coplas sen saber o que era a regueifa”. Docente tamén de moitos obradoiros de regueifa polos centros de ensino do país, é un dos regueifeiros máis recoñecidos hoxe en día na Galiza e ten como características máis subliñabeis a rapidez e o enxeño na produción, unha maior teatralización cós mestres bergantiñáns e un humor acedo e retranqueiro.

Foto de Felipe de Dodro.

Felipe de Dodro

Natural de Dodro (a 22 km de Compostela), Felipe de Dodro entrou nisto da regueifa por volta do ano 2007, sempre vencellado á súa gran paixón, a música tradicional. A súa última aparición foi en Borneiro, en decembro do 2017, nunha tarde de regueifa con Lupe Blanco, Antonio de Xornes e Luis O Caruncho.

As Garotas da Ribeira

As Garotas de Ribeira son Sofía Tarela, do Porto do Son e Paola Beiro, de Carnota. Coñecéronse en Barcelona onde comezaron a facer rap en galego, bebendo da tradición da regueifa e cunha visión afouta, transgresora e feminista do mundo. A súa primeira aparición como regueifeiras foi aló polo ano 2000 no programa Luar, onde se farían habituais a partir do 2004, mais xa na súa faceta como "As Garotas".

Últimas incorporacións

Xairo d'Herbón

Novo valor da regueifa galega e fillo do xa mítico Pinto d´Herbón. Estudante aínda de Secundaria, deu os seus primeiros pasos nisto da regueifa por volta do 2014, no Certame de Regueifas de Valadares, onde deixou canda ao seu pai a primeira controversia pai/fillo na historia do Certame. No 2017, volveu ao escenario de Valadares, no último Certame Internacional celebrado en decembro.

Alba María

Promesa da nova xeración de cantoras galegas, é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (2017). Cun disco publicado (Aínda. aCentral Folque, 2014), estudou música no CMUS de Vigo e participou en diversos certames de poesía e improvisación, acabando por ser unha destacada poeta e regueifeira. Alba María, alén de realizar actuacións e ofrecer obradoiros, vaise asentando no eido da improvisación, introducindo novos temas como o discurso de xénero na arte da regueifa.

Foto de Oral de Galicia.

Kike Estévez

Profesor e filólogo licenciado pola Universidade de Vigo, foi un dos últimos en subirse ao carro do improviso. Comezou neste mundo no 2014 a partir dun Curso de Regueifa organizado polo Centro de Interpretación da Oralidade do Concello de Vigo. Tamén imparte obradoiros de regueifa en centros escolares do país.

Resultado de imaxes para lupe blanco

Lupe Blanco

Unha das últimas incorporacións ao mundo da regueifa, é bisneta do gran Blanco de Muiñoseco.Tamén é pandereteira e ten unha tonada moi característica ao vello xeito de Bergantiños. Neste 2017, alén de numerosas actuacións e obradoiros, debutou no escenario de Valadares no último Certame celebrado en decembro de 2017.

Foto de Oral de Galicia.

Mani Braga

Nacido no barrio de Coia de Vigo, é unha das últimas incorporacións ao mundo da regueifa e tamén comezou neste mundo a partir dun Curso de Regueifa organizado polo Centro de Interpretación da Oralidade do Concello de Vigo (CIOV). Neste 2017, alén de outras actuacións e obradoiros, participou no escenario do Auditorio de Cangas, na Gala do Patrimonio da Deputación, celebrada o 16 de decembro de 2017, facendo parella coa cantadora portuguesa Naty Cantadeira.

Foto de Regueifesta.

Novas Regueifeiras

Dos diferentes cursos realizados nos últimos anos veñen pegando forte moitas mulleres afoutas que se botaron con isto da regueifa. Moitas delas sairon dos obradoiros impartidos pola Asociación Oral nos institutos da comarca de Vigo, dos cursos realizados no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV), de Obradoiros como o realizado na Escola de Idiomas de Vigo (2016) ou dos realizados na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo (2017). Cabe destacar entre elas a Esther das Luras, Sara Marchena, Lara do Ar, Yolanda das Cereixas, Sil Vinha ou Blanca Trigo.

Foto de Regueifesta.

Proxecto Regueifesta

O Proxecto Regueifesta é un proxecto educativo que botou a andar no curso 2015/2016, polo interese e traballo de dous docentes nas localidades de Vila de Cruces e Baio. Eles son Séchu Sende e Manolo Maseda, que levan xa uns aniños sacando novas e novos futur@s practicantes desta arte. Entre elas están as novísimas Nuria das Cruces, Noa do Capón, Lorena Medela, Aleixandra, Roi Casal, Xabi, Joel, Alberto, Alba, Xiana, Santi, Brais...

Docent@s Regueifeir@s

Xosé Couñago

Foto de Regueifesta.

Miguel Doiro

Foto de Regueifesta.

Séchu Sende e Manolo Maseda

Voltar arriba