Skip to Content

A improvisación oral no mundo

A improvisación oral no mundo


Semellanzas con outras manifestacións existentes noutras zonas xeográficas do Estado e fóra del

Cando comezamos coa ardua tarefa de revitalizar esta belísima tradición, tan só coñeciamos a existencia do bertsolarismo vasco e foi, en boa medida, o ter referencia da súa experiencia o que nos animou a poñer en marcha este modesto proxecto.

Pero co paso do tempo soubemos que tamén en Portugal (que tan próxima nos é á Galiza) existen os "Cantos ao desafío" que gozan de gran vitalidade en todo o país veciño e que se asemellan moito ás nosas Regueifas, tanto pola temática dos seus "piques" como pola maneira de construír os versos. Así e todo, diferéncianse, entre outras cousas, en que alí se acompañan con acordeón (concertina) ou guitarra e o seu ton de voz é moito máis melódico.

E a cousa non quedou aquí, senón que despois "descubrimos" o "Trovo " tanto de Murcia como da Alpuxarra (de Almería e Granada), onde soen acompañarse de guitarra e co seu estilo, que non é tan agresivo dialecticamente nin tan veloz coma o galego, pero en cambio é moito máis lírico e poético. No Trobo murciano improvisan en cuartetas, quintillas ou en décima espinela, aínda que tamén son capaces de glosar unha cuarteta en catro quintillas. Pola contra, na Alpuxarra constrúen basicamente os seus versos en quintillas, aínda que ultimamente tamén practican a décima.

Agora sabemos que tamén no resto da península practican diversas variantes do verso improvisado como poden ser:

- O bertsolarismo vasco (arredor de 800 practicantes en Euskal Herría)

- O cant d´estil valencián (pouc@s practicantes)

- O trovo murciano, malagueño, granadino, almeriense e cordobés

- @s verseadores canari@s (en recuperación dende hai uns anos)

- A glosa mallorquina (en fase de recuperación)

- A glosa menorquina (en fase de recuperación)

- A glosa en Cataluña (con moita mocidade interesada en poñelas de novo en valor)

- @s rabelistas de Cantabria

E todo se complicou aínda moito máis cando poidemos constatar a vitalidade do verso improvisado en Latinoamérica, onde se cultiva basicamente a décima espinela acompañada case sempre de ritmos musicais, de tal maneira que existen manifestacións deste tipo en:

- México (Repentistas), Venezuela (Repentistas, galeronistas), Arxentina (Payador@s), Colombia (Trobador@s), Cuba (Repentistas), Uruguai (Payador@s), Chile (Payador@s), Porto Rico (Trober@s), Panamá (Trobador@s), Sto. Domingo (Trober@s), Brasil (Violeir@s), Ecuador (Cantor@s), Perú (Socaboner@s).

Tamén existen manifestacións destas características en Nicaragua, Bolivia e outros países Latinoamericanos. No resto do mundo coñécese a existencia deste tipo de prácticas orais en Europa (Italia, Croacia, Sardeña...), Asia, Groenlandia ou, como non, no paraíso da Oralidade, África.

Así que é para nós tremendamente gratificante o saber que coas nosas particularidades, formamos parte de todo un movemento de alcance mundial que ten as súas raíces no mais remoto das nosas orixes, posiblemente de cando todos formabamos un tronco común. É por iso que, ao través desta web, tentaremos achegar o noso pequeno gran de area para non deixar morrer unha, aínda que sexa pequena, póliña desa árbore.