Skip to Content

Persoaxes

Regueifeiros históricos

Na súa nota necrolóxica por mor do pasamento de Calviño de Tallo, Domingo Blanco menciona a algúns dos mantedores da tradición da Regueifa na comarca de Bergantiños dos que apenas quedan os nomes na lembranza dos seus discípulos e na dos seus veciños e espectadores.
"Nese tempo (década dos 50) había unha ducia de bos regueifeiros en Bergantiños: Blanco (por riba de todos), Mandián, Celestino, O Atrevido, Chemaría, Costa, Fermín, Guillermo, O Churrero (de Caión), un de Cesullas e o propio Calviño.
Algúns menos quedaban na zona de Muxía e Vimianzo, pero tamén activos e de moita sona na contornada (Seixos, Caldeireiro, Bailón, Nemiñán, Santiago, ...). Foron os bos tempos da regueifa como espectáculo no mundo rural: durante 20 ou 25 anos o público das aldeas e pobos de Bergantiños acudía a cada regueifa, sen que as orquestras e, despois a música da megafonía electrónica puideran impedir o seu éxito.
Calviño participou na maioría de regueifas que se celebraron nese período en Bergantiños e , dende logo, nos máis importantes, tamén nas doutras comarcas (na Pereiriña (perto de Cee) varias veces en Senanda (1975), en Vimianzo (1976) e mesmo fora do ámbito da "regueifa pública": así na 1ª regueifa gravada en TV (con Celestino, o Bailón e o Caldeireiro) e en disputa cantada cunha cantadeira (rec por D. Schubarth).
En Bergantiños, recórdanse entre outras, dúas regueifas en Xaviña (Coristanco) polo 60 e pico con Costa e Blanco (e Mandián nunha e Celestino noutra) que duraron ata a mañá, ata o día; os da festa da Pataca de Coristanco (foi 7 ou 8 veces) e a homenaxe a Blanco (1980).
Dende o falecemento de Mandián e a decadencia de Blanco, Calviño foi o regueifeiro máis estimado e coñecido. Tiña boa voz, "armaba" moi ben (inventaba e construía moi ben as coplas), tiña boas saídas, bo sentido do humor e unha gran resistencia; era, ademais, moi respectuoso con contrincantes e o público, tiña un notable dominio de escenario e en suma, caía ben a uns e outros.
Como dicía del outro regueifeiro, "é moi bo, moi home, moi útil", é dicir, daba unha dignidade, unha certa autoridade a regueifa, levábaa polo bo camiño da man da súa firmeza, a súa moderación (o que se chama alí "educación") e o seu sentido do humor."

Somos coñecedores tamén a traveso de fontes variadas de, entre outros: Severino Pazos Feal de Serantes (Laxe) Cadete da Campara, Camuzas, O Piloto, Verdías, Leonarda, Churrillo, O Sotelo, O Galo, Maximino de Mens, Celestrino de Leduzo, Blanquiño, Carlos “O Xestal”,

De “O Atrevido de Grixoa” recentemente se ten editado un DVD coa súa vida, ademais dun libro adicado a recopilar algunhas das súas regueifas, editado polo Concello de Cabana de Bergantiños, que da man de Xosé María e de Xosé Manuel Varela apoiándose no seu alcalde están a facer unha encomiable labor de recuperación da súa historia regueifeira coa publicación de diversos libros que teñen a regueifa como protagonista, como “A regueifa en Cabana de Bergantiños” de Domingo Blanco.

En diversas edicións do Certame de Improvisación Oral tivemos a honra de contar coa presenza de dous personaxes inesquecibles dentro do mundo da Regueifa e aos que lle adicamos un espazo especial na súa lembranza.

 

Costa de Xaviña

Jesús Fernández Calvo
Un dos últimos regueifeiros de Bergantiños, que debutara en 1940, apadriñado por outro dos grandes, o mítico Blanco, considerado coma o mestre dos cantores da comarca.

Calviño de Tallo

Xosé Fernández Rama
Tallo (Ponteceso)
Empezou a cantar regueifas ós 20 aos, nun permiso do servicio militar (polo tanto no ano 1951). O seu mentor e mestre foi Mandián (Xosé García Amarelle, Xornes: 1924—1981), quen a pesar de morrer cedo (con 56 anos) deixou sona na comarca e transmitiulle a Calviño algunha das calidades polas que foi coñecido e estimado (a moderación e a inventiva sobre todo). Antes cantara en privado, e sobre todo, participara nas “regueifas” (reunións, máis ben) de taberna, primeiro coma espectador, despois coma cantador.

 

Severino Pazos Feal

Serantes (Laxe)

O Atrevido de Grixoa

Xosé González Muiño
Santa Comba

Carlos "O Xestal"

Voltar arriba