Skip to Content

Vilalba organiza o “ I Campus de Regueifa” para a Nova Regueifa

O IES Basanta Silva e o Proxecto Regueifesta organizan o “I Campus de Regueifa RegueiNov+s-Regueifesta”, que se celebrará os días 17,18 e 19 de xaneiro en Vilalba, con máis de 25 reguefeiras de once centros de Vigo, Vila de Cruces, o Milladoiro, Compostela, Porto do Son, o Courel, Monforte, Carballo e Vilalba.

Despois de estar en perigo de extinción, a regueifa conseguiu revitalizarse por todo o país co traballo colectivo de múltiples axentes educativos e socioculturais e, curso tras curso, danse máis sinerxias entre centros de ensino. Actualmente, fálase da Nova Regueifa como un movemento protagonizado principalmente por adolescentes, cun valor importante no proceso de normalización da lingua galega.

Desde o Equipo de Dinamización e o Club de Regueifa do IES Basanta Silva queren fortalecer esa rede de centros facilitando un encontro de adolescentes reguefeiros e regueifeiras da toda Galiza.

O I Campus de Regueifa ten como obxectivo reunir regueifeirxs adolescentes en tres xornadas de formación e convivio. O Campus desenvolverase na tarde do venres 17, na xornada do sábado 18 e na mañá do domingo 19 de xaneiro, no IES Basanta Silva (Vilalba).

Dentro do Campus terán lugar asembleas, actividades de formación (palestras, obradoiros…), grupos de traballo e actividades lúdicas. Entre outras actividades, realizaranse un semimario con Sés, un obradoiro con Laura Lamontagne e unha visita á Casa Museo de Manuel María. Ademais, o proxecto "Regueifando con pracer" gravará recursos para un filme sobre regueifa e muller e a regueifeira Raquel a Doallo dinamizará un grupo de traballo sobre a regueifa no séc. XXI.

O Campus iniciarase o venres 17 á tarde, coa presentación dun espectáculo de regueifa aberto ao público, o “Regueifa Tour” en Vilalba, no Auditorio Municipal.

O “Regueifa Tour” é unha xira de improvisación oral en verso que ten como propósito tecer rede entre os diferentes territorios onde se está a traballar a regueifa dentro e fóra das aulas. O curso pasado, o Regueifa Tour visitou Vigo, Vilalba, Vila de Cruces, o Courel, Viana do Bolo, Compostela, o País Basco e Cataluña. No curso 24-25 visitará Redondela, Vila de Cruces ou Vilalba, entre outros lugares.

A Regueifesta é un proxecto de dinamización da improvisación oral no ensino que no 2025 cumpre dez anos. Da Regueifesta xurdiron proxectos como o Regueibertso, o Enreguéifate, os Encontros de Regueifa Feminista, o Erasmus Plus “Europa de Repente”, a aula virtual PLATEGA Regueifa 2.0 ou múltiples cursos de formación para profesorado.